Colección Ancestros
(O que queda) despois do individuo
________________________
Esta colección acolle textos que abordan todo o universo do situado máis alá, pero tamén máis acá, da condición de individuo portador de dereitos e membro de grupos sociais ou territoriais.
A hipótese en que se sustenta é que detrás da cidadanía moderna autoimposta e universalizada dende hai varios séculos polos occidentais encóntranse, encontrámonos, uns indíxenas cuxas trazas morais resístense, aínda que dun modo máis ben inconsciente, á súa supresión por uns valores da modernidade cos que conviven e se mesturan provocando unha complexidade psicolóxica non exenta de grandes curtocircuítos, traumas e alteracións da personalidade.
Falamos así de espiritualidade, pero non como alternativa ou sinónimo de relixión, menos aínda de seita ou igrexa, senón por referencia á re-ligio etimolóxica, é dicir, os actos, procedementos e rituais que nos religan cos nosos iguais e semellantes e cos outros en xeral, só a partir dos cales podemos con certo éxito reunir e dar sentido ás nosas distintas partes interiores e roles exteriores, condición para calquera forma de transcendencia, que pasa nese sentido a segundo plano. Aínda que non podemos a estas alturas suprimir xa a unha longa herdanza cultural individualista nin suplantar sen máis por outros os eixes que vertebran unha condición xurídica e un imaxinario como individuos, polo menos estamos en condicións de facernos cargo da súa herdanza, pero non só dende a crítica teórica senón ante todo dende un intento de transgresión ou superación.
Recuperar o comunitario dende unha perspectiva non intelectual senón máis antropolóxica ou moral, que afecta ó máis elemental da vida social e á sensación de dignidade e autoestima, é o obxectivo ó que intentan contribuír os textos desta colección. Entre eles inclúense tamén o achegamento a experiencias culturais de tribos e grupos ancestrais e a reactivación das súas tradicións rituais na actualidade.
As maneiras en que o século XXI transitará por ese terreo post-individual (e post-individualista) son o centro de interese desta colección que intenta reivindicar que o futuro da cidadanía ten que ver con algún xeito de reencontro (e reinvención) dunha ancestralidade que nunca se rematou de disolver, e á que seguimos pegados, se ben dun modo máis ben inconsciente cando non negativo.
Neste caso, o pensar histórico substitúese por unha operación previa: o coñecemento e recoñecemento dunha condición moral e cultural que temos inserta nos nosos mecanismos máis básicos de comportamento, os que teñen que ver co desexo, as emocións e o significado da existencia en común e as relacións cos outros.