PROXECTO EDITORIAL

PROXECTO EDITORIAL

post:metro:polis

(O que queda) despois de

________________

 

 

POSTMETROPOLIS é un proxecto de edición de textos en rede (con DOI) e libros en papel (con ISBN).

A produción editorial é sen ánimo de lucro; forma parte das actividades da asociación “Culturas Radicales”. A editorial finánciase esencialmente por doazóns en rede ó proxecto editorial xeral que permiten manter e ampliar a actividade a novas edicións de textos. A editorial sitúase na rede e conta cun sistema de ingreso telemático de doazóns. Aínda que as doazóns son xenéricas, para a súa consideración presupostaria vincúlanse á descarga concreta de cada unha das obras. Algúns textos publícanse como libros en papel con prezo de venda ó público, os cales se distribúen por correo con gastos de envío á parte.
Os produtos editoriais son en castelán, pero algúns deles selecciónanse para facer versións en inglés; toda a información da páxina ofrécese en castelán inglés, francés, catalán, galego e éuscaro.

 

POSTMETROPOLIS xustifica o seu nome como unha forma de subliñar a crecente perda de centraliade a escala mundial da cultura occidental en xeral e europea en particular. Os procesos de globalización económica e financeira están a ter un efecto tamén sobre a xeopolítica da cultura, a identidade civilizadora e a referencialidade epistemolóxica. Conforme Occidente perde peso e posición na orde global, as grandes epistemes que acompañaron a súa hexemonía económica, política e militar están sendo sometidas a unha crítica sen precedentes que expón á luz os seus pés de chumbo ideolóxicos e a súa forte contextualidade civilizadora e histórica. Boa parte desta crítica procede dun novo coñecemento situado de fundamento postcolonial, pero este reclama ser complementado cun distanciamento crítico procedente tamén da propia metrópole occidental en declive.

 

Ábrese pois para a historia de Occidente un escenario postmetropolitano, algunhas de cuxas derivacións culturais e intelectuais son as que a editorial quere contribuír a rastrexar, analizar e reflectir na medida que contribúen á conciencia desa emerxente condición postmetropolitana. O paso a postmetrópole é un proceso que xa de por si reclama ser estudado como fenómeno histórico, pero ten ademais a virtude de recolocar de xeito radical a mirada histórica acerca do coñecemento da realidade no seu conxunto, pois sitúa decisivamente no pasado representacións e convencións que ata hai pouco foran vistas como naturais, permanentes e universais ou universalizables, confundidas con “o humano”.

 

Unha vez recolocadas no pasado, historiadas, o que queda é esencialmente un “despois de”, que é a realidade cultural principal coa que convivimos no século XXI e cuxas manifestacións máis reflexivas dan sentido a esta actividade editorial.

 

O termo postmetrópolis foi utilizado xa anteriormente, destacando a obra que leva ese título do urbanista radical norteamericano Ed Soja, quen se serve del para definir os cambios nas grandes cidades na era da globalización. O significado que adquire nesta empresa editorial é diferente e moito máis englobador e ambicioso: con el trátase de sintetizar o conxunto de fenómenos que acompañan a perda de status do Vello Continente na xeopolítica mundial, os cales afectan moi especialmente ós saberes expertos e epistemes que acompañaron a hexemonía occidental, e que sustentan as Ciencias Sociais modernas. Á súa vez estes só se comprénden axeitadamente por medio dun tipo de actividade intelectual que consiste en “pensar historicamente” o presente e o futuro.

 

POSTMETROPOLIS estrutúrase por medio dunha serie de coleccións:

Colección POST

Colección METRO

Colección POLIS

Colección ANCESTROS

Colección TRACES, de traducións selectivas ó inglés dalgúns textos das catro coleccións; e

SELECCIÓN de Libros en papel.

A editorial arranca con 13 textos procedentes de Ediciones Contratiempo e reformatados, ós que se suman outros 2 que se publican coincidindo co inicio da actividade editorial.

As coleccións actualízanse presentando proxectos de publicación enviados á dirección de correo da editorial. Polo momento non se consideran avaliacións dos proxectos, que son decididos polo equipo de editores en función de criterios de coherencia, esforzo e oportunidade.

 

Os textos son editados polos membros do equipo de editores, que cobran polo seu traballo en función das doazóns e vendas de libros en papel de cada proxecto. A editorial organiza tamén campañas publicitarias na rede coincidindo coas edicións de novos textos, que en principio planéanse cunha cadencia dunha publicación nova por mes.

A editorial ofrece uns dereitos de autor do 20 por cento do obtido por medio de doazóns unha vez satisfeitos os custos de edición.

Comments are closed, but trackbacks and pingbacks are open.